Eixes transversais
As achegas a este Congreso (en formato de comunicación) artellaranse en torno aos catro tempos ou orientacións cardinais que compoñen os eixes transversais do mesmo: 1. Tempos de emerxencia climática; 2. Tempos educativos e sociais; 3. Tempos de sustentabilidade e cooperación; e 4. Tempos de acción polo clima. Neste Congreso non se contemplan as presentacións orais das achegas no seu formato tradicional; a participación e posta en común das aportacións terá lugar no marco de espazos de diálogo e construción colectiva do coñecemento, organizados en función dos catro eixes transversais e nos que se debaterán e expoñerán diferentes perspectivas, experiencias e expectativas referidas ás respostas educativas e sociais á emerxencia climática desde a perspectiva temática de cada un dos catro tempos. Cada espazo será dinamizado por dúas persoas do Comité Organizador do Congreso. 

A dinámica de organización e desenvolvemento destes Espazos de Diálogo e Construción Colectiva de coñecemento durante a celebración do Congreso será a seguinte:

  • Organización das e dos participantes en catro eixes transversais:
    Considerando a correspondencia das achegas presentadas cos eixes transversais, as persoas participantes organizaranse en grupos de diálogo e construción colectiva de coñecemento.
  • Diagnóstico colectivo da realidade presente:
    Nunha primeira sesión, de maneira conxunta, as persoas participantes realizarán un diagnóstico referido ao eixe transversal que lles corresponda.
  • Proposta de liñas de actuación:
    Nunha segunda sesión, os membros do grupo de diálogo e construción colectiva, en base ao coñecemento xerado na sesión de diagnóstico, propoñerán colectivamente liñas de actuación en tres áreas de intervención: políticas públicas, praxes educativas e investigación educativa.
  • Conclusións e propostas:

    O Congreso pechará coa presentación das achegas xeradas nestes espazos, que serán sistematizadas polas persoas dinamizadoras.

 

Pautas para a presentación de achegas

1. Proceso

Mediante rexistro no formulario habilitado na páxina web do Congreso, e conforme ás indicacións contidas no mesmo, presentarase un resumo (máximo de 550 palabras) da achega con data límite de entrega o 9 de xaneiro de 2026. Asemade, indicarase unha orde de prelación para a adscrición da proposta aos catro eixes temáticos do Congreso, segundo se considere a afinidade da proposta con cada un deles. 
O Comité Científico do Congreso avaliará as achegas e emitirá unha resposta antes do 10 de febreiro, indicando a aceptación, aceptación con modificacións ou rexeitamento das propostas, así como o eixe transversal asignado.
Os resumos aceptados, unha vez formalizada a inscrición no Congreso do membro da súa autoría que presenta a achega, integrarán un e-book de resumos con DOI que se publicará nun repositorio en aberto e na web do Congreso con anterioridade á súa celebración.

2. Normas Xerais

  • As achegas poderán estar escritas en castelán, galego ou portugués.
  • As achegas enviaranse seguindo as indicacións do formulario disposto para o rexistro de propostas e dentro do prazo establecido. Non se aceptará ningunha comunicación presentada fóra de prazo.
  • Cada autor/a poderá presentar unicamente unha achega no Congreso. Porén, pode figurar na autoría doutras, sempre que non sexa responsable da súa presentación.
  • As contribucións non teñen límite de autores/as asinantes, sempre que as respectivas persoas que as presenten se inscriban e participen no Congreso.
  • Todas as achegas serán valoradas anonimamente por, alo menos, dous membros do Comité Científico.
  • Para incluír unha contribución no e-book de resumos, é requisito que a persoa que o presenta se teña inscrito e abonado a cota de inscrición.

 

3. Publicación e certificación de comunicacións

As persoas inscritas no Congreso cun resumo de contribución aceptado e que participen nas dúas sesións do Espazo de Diálogo e Construción Colectiva asignado, recibirán un certificado de presentación de comunicación en congreso internacional. Asemade, tras o Congreso, as aportacións cuxos resumos fosen aceptados e das que a persoa que o presente participase nas dúas sesións do Espazo de Diálogo e Construción Colectiva asignado poderán optar a presentarse como unha comunicación completa no Libro de Actas do Congreso, que se publicarán con ISBN e para a elaboración da cal daranse  indicacións específicas tras a celebración do Congreso.