VI Seminario Internacional Resclima
¿Estamos a tempo? ¿de qué estamos a tempo?
Desde o proxecto de investigación RESCLIM@TIEMPO, e no marco da colaboración permanente entre os grupos de investigación SEPA-interea (Universidade de Santiago de Compostela) e Eva-EASI (Universidad de Granada), anunciamos e dámosvos a benvida ao I Congreso Internacional sobre Respostas Educativas e Sociais á Emerxencia Climática - VI Seminario Internacional RESCLIMA. Estamos a tempo? De que estamos a tempo?, que se celebrará na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida, Santiago de Compostela) os días 15, 16 e 17 de abril de 2026.
Vivimos tempos complexos; tempos de incertezas e de grandes desafíos globais. Cumprido o primeiro cuarto de século XXI, superamos todas as previsións relativas á emerxencia climática e á superación dos límites planetarios. Neste contexto, o tempo é unha variable fundamental. 
Urxe comprender e situarnos na gran complexidade e multidimensionalidade destes Tempos de emerxencia climática, que tamén son de emerxencia social, política, cultural, institucional e, por suposto, educativa. Neste senso, tórnase máis imprescindible que nunca superar as barreiras artificiais entre escola e comunidade, entre o cognitivo e o sensible, entre a linguaxe científica e a cidadá, para entender de xeito integral os Tempos educativos e sociais nos que se desenvolve a vida individual e colectiva, nos diversos tempos e espazos da xeografía planetaria. Asemade, non podemos renunciar a que o noso presente e futuro deveña en Tempos de sustentabilidade e cooperación, cada vez máis necesarios para construír novos horizontes e modelos de sociedade viables e desexables. Para que iso aconteza, é urxente promover novos Tempos de acción polo clima, de mobilización cidadá, de compromiso coa transformación social, de xustiza ambiental e climática.
Sen pretensión de perder o norte ou dar receitas ao sur, nin de reconciliar o leste co oeste, neste Congreso adoptamos estes catro Tempos como eixes transversais ou orientacións cardinais que guíen e doten de marcos de diálogo, diagnóstico e deseño colectivo de propostas para o desenvolvemento de políticas públicas -climáticas e educativas-, de praxes educativas pertinentes e de novas liñas de investigación para afrontar os desafíos climáticos, ambientais e sociais contemporáneos.

Eixes en torno aos que xirarán os espazos de diálogo e construción colectiva que se desenvolverán durante este Congreso, nos que se explorarán e construirán novas formas de cooperación entre persoas, colectivos e institucións.